lunes, 19 de diciembre de 2011

BO NADAL

Os alumnos e alumnas de sexto A desexamos a toda a Comunidade Educativa unhas felices Festas e un ano 2.012  cheo de ledicia.



FELIZ

2.012

Estamos a navegar con ventos favorables encamiñándonos ao noso destiño.

martes, 13 de diciembre de 2011

MINORITARIA?

É a nosa lingua minoritaria?

Este vídeo elaborado polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela vaite sorprender.
Porque está moi ben feito, porque contén información que nunca imaxinamos, porque, en definitiva, existen prexuizos, que cremos obxectivos.



viernes, 9 de diciembre de 2011

ARTISTAS NO PLENO

O Pleno Infantil, celebrado hai unhas datas, contou coa presenza dun impresionante artista plástico. O noso compañeiro RUBÉN COSTOYA.
Aquí temos uns debuxos.
PARABÉNS,
RUBÉN.



martes, 6 de diciembre de 2011

A RUTA COLOMBINA E A NOSA VIAXE.

     Despois de cuestións xeográficas, económicas e demográficas iniciamos, mellor continuamos, a nosa viaxe pola historia. O pasado curso deixámola na Idade Media. 
     Co descubrimento de América comeza unha nova etapa, histórica en todos os sentidos.
     Estamos a preparar  a viaxe cara ao Instituto. Quedan dous trimestres.
     Se os ventos se presentan favorables, que se presentarán, chegaremos con ben a porto.

viernes, 2 de diciembre de 2011

HELP

Hai algunhas criaturas que por non saber idiomas meten a pata ou, se cadra, teñen unha resposta irónica.
Excepcional película onde os intérpretes dan o máximo da súa extraordinaria arte. Que é moita!
Filmada en espazos naturais. Os productores, a pesar da crise, móstranse expléndidos.
A edición realza as dotes interpretativas de todos os intervintes.
Que a gocedes.

jueves, 1 de diciembre de 2011

PLENO INFANTIL. INTERVENCIÓNS.


Rematou o pleno. Estamos orgullosos e cheos de fachenda. Os nosos representantes tiveron unha intervención de altura.

Todas as cadeas de televisión, emisoras de radio e xornais abren as súas edicións con esta destacada intervención.

Os parabéns chegan desde todos os recunchos do universo coñecido.

COMPAÑEIROS E COMPAÑEIRAS, CONCELLEIROS E CONCELLEIRAS

PARABÉNS

Os temas estiveron moi ben elaborados e  moi ben expostos.

martes, 29 de noviembre de 2011

PLENO INFANTIL


O xoves  presentaremos ao Señor alcalde de Culleredo a nosa proposta de remodelación e usos do edificio da estación de ferrocarril sita no Burgo.
Agardamos con impaciencia ese momento e tamén que se leve a cabo. Sería de grande utilidade.
Gañariamos un novo espazo cultural completando a oferta que actualmente temos.
Rogarémoslle que os amaños puntuais sexan máis áxiles e non demoren tanto no tempo.
Dentro de pouco esas "cadeiras" estarán ocupadas por nenos e nenas con gañas de innovar e facer un Culleredo máis próximo, cómodo e sobre todo HUMANO.

lunes, 28 de noviembre de 2011

domingo, 27 de noviembre de 2011

PLENO INFANTIL

Parece que estamos na época das glaciacións.  Fríos, conxelados.
Temos ou non temos ideas?
 Sapiens.
Podemos facer moitas cousas co edificio en cuestión.
Pensade tamén nas obras menores. Deben ser feitas no menor tempo posíbel para que causen o menor pexuizo aos cidadáns.

Mirade esta imaxe.
Xa!
Xa sei que non é a nosa estación.
CLARO!!!!!!!!
É a representación idealizada da antiga factoría da Cros. BONITA, VERDADE?
Así queremos transformar a estación.
E con todos os servizos que propoñemos.

martes, 22 de noviembre de 2011

PLENO INFANTIL

Unha vez decidido o tema é cuestión de poñérmonos mans á obra. Espazo cultural. Que ámbitos da cultura  estarían representados? A historia do tren, a propia historia do edificio, a evolución dos comboios ao longo do tempo,...
Creo que calqueira relacionada coas vías férreas sería a correcta. Que pensades? Tedes outras suxestións?
Poderiamos comentar algo sobre a importancia de por en funcionamento un servicio de trens de proximidade? Que ventaxes e beneficios producirían á nosa comunidade local?
Ánimo sapiens.
                            

viernes, 18 de noviembre de 2011

PLENO MUNICIPAL INFANTIL


A nosa cabeza ferve en ideas. Que podemos tratar no Pleno?
A remodelación da estación de ferrocarril pode ser  interesante.
A que destinariamos este espazo? Que melloras para a poboación suporía esta inversión?
Tamén os amaños cotiás son de interese. Ese semáforo que non funciona ben. O afondamento da rúa, que leva así un montón de tempo, e constituíndo un perigo para vehículos e persoas. O paso de peóns mal sinalizado. As sinais tapadas. Tantos e tantos pequenos problemas que poden causar un accidente.
Obviamente o Concello precisa que as nosas lúcidas mentes se poñan a traballar de forma inmediata e eficaz.
ÁNIMO.
SEREMOS QUEN DE SOLUCIONAR PROBLEMAS E DAR IDEAS PARA UN CULLEREDO MELLOR.

martes, 15 de noviembre de 2011

A ESPERANZA DE VIDA

Unha das causas do incremento da esperanza de vida da poboación a mediados do século vinte foi o descubrimento da penicilina.
Iníciase a era dos antibióticos e con ela as enfermidades de orixe bacteriano deixaron de ser irremediablemente mortais. Logrouse vencer este tipo de enfermidades.
Ao principio non todos os sectores da sociedade tiñan acceso a estes medicamentos ata que os servicios de medicina pública se fixeron universais para toda a poboación.


sábado, 12 de noviembre de 2011

ACTIVIDADES










As actividades de matemáticas xa están referidas a sexto de Primaria.

Imos traballar.

Ánimo, que podemos con isto e con moito máis.

viernes, 11 de noviembre de 2011

MAGOSTO 2011

Hoxe foi un gran día. Celebramos o magosto no colexio. Diversión, castañas asadas, ledicia, baile...
Que máis podemos pedir?

O que todos pensamos...

QUE SE REPITA!



miércoles, 9 de noviembre de 2011

A TRASHUMANCIA

    A trashumancia tén como fin aproveitar ao máximo os recursos naturais para un mellor  pastoreo. Os herbívoros salvaxes tamén practican a trashumancia, son as famosas migracións que tantas veces vemos nos documentais da televisión.
    Aquí podemos ver unhas fotos deste ir e vir cos animais. Por sorte para as ovellas os pastores e os cans coidan delas para que os lobos non as ataquen, non como ocorre cos herbívoros salvaxes que deben superar infinidade de dificultades e ataques de depredadores.
    No vídeo vemos o gran axudante: o can. O mastín é o can máis adaptado para evitar o ataque do lobo.





RAIZ CADRADA

Queres facer unhas raíces cadradas? Mira no bloque de actividades, columna da dereita. Pincha e boa sorte.
Para que funcione correctamente debes iniciar a primeira cifra da raiz na segunda casiña, non na casiña da raiz.

miércoles, 26 de octubre de 2011

MÚSICA E NATUREZA

Aquí temos unhas imaxes do vídeo que vimos na Fundación a semana pasada. Neste caso non están acompañadas de "voz en off", están acompañadas dunha música moi fermosa. Que vos goste.



Podedes por a pantalla completa porque o vídeo tén unha boa definición

domingo, 23 de octubre de 2011

CLIMA TEMPERADO

Cando estivemos na Fundacion Máría José Jove presentáronnos un vídeo sobre os climas, lembrades?
Este é o anaco dese vídeo no que se fai referencia ao clima temperado, onde nós vivimos. A causa de termos catro estacións ben diferenciadas está na inclinación do eixo da Terra en relación ao Sol.



viernes, 21 de octubre de 2011

NATUREZA E PINTURA

Esta mañá visitamos a Fundación María José Jove. Visita moi interesante.
Primeiro visionamos un documental sobre a Natureza: os climas e formas de vida na Terra. Impresionante como os animais son quen de superar as dificultades que a vida lles presenta.

Unha amable e atenta guia presentounos unha pequena mostra dos cadros expostos. De diversos estilos e diferentes épocas. Sabemos o por que do realismo, do cubismo, da arte figurativa, dos representantes galegos destas tendencias da pintura. Vimos tamén unha obra do ilustre Isaac Díaz Pardo, que da nome ao noso cole.

As saídas educativas son interesantes, sobre todo se poñemos os cinco sentidos no que estamos a ver.

martes, 18 de octubre de 2011

O RIO

Neste curto vídeo podemos unha parte do río máis impresionante do noso planeta.

O AMAZONAS.



sábado, 8 de octubre de 2011

O RÍO TINTO

Este pequeno río sitúase na provincia de Huelva. Claramente podemos adiviñar o por que do seu nome.
A pesar da grande cantidade de contaminación metálica, á práctica inexistencia de osíxeno  e ás augas acedas,
 NO RÍO HAI VIDA!!!!!!
Miocroorganismos.
A vida imponse ata nos lugares máis complexos e inhóspitos

Dende sempre esta zona foi explotada pola súa riqueza en minerais, sobre todo de cobre e ferro.

miércoles, 5 de octubre de 2011

FORMACIÓN DOS CONTINENTES

Hai moitos miles de anos as terras emerxidas formaban un so continente. Agora esas terras están espalladas formando os continentes que coñecemos.
Como ocorreu?



COMO SE CREARON AS MONTAÑAS

Neste vídeo podemos ver como se chegaron a formar algunha das montañas que coñecemos, concretamente os Alpes.

martes, 4 de octubre de 2011

OS VOLCÁNS

Aquí temos un volcán en erupción. Lembrade que estamos a ver "lava", fume, etc, pero non magma, que se atopa no interior, concretamente mo manto.

lunes, 18 de julio de 2011

QUE DESCANSADA VIDA

Rematou o caderniño                      En galego ou castelán
este alumno aventaxado                   Non teñas presa compañeiro
e o que queda de verán                   Traballando con afán
estará aquí deitado.                         Sempre serás o primeiro.
                                                                                         Para Alex

jueves, 7 de julio de 2011

DESCANSO

Chegou a hora do descanso.
Este parece un bo sitio para recargar pilas!
Lembrade traballar un pouco cada día.

jueves, 23 de junio de 2011

REMATE

Despois dun  intenso e productivo curso é hora de tomar un máis que merecido descanso.


BOAS VACACIÓNS!!!

miércoles, 15 de junio de 2011

martes, 14 de junio de 2011

O CASTRO

Baroña foi incríbel. Primeiro visitamos o Centro de Interpretación, despois...

Vémolo!


NOIA

    Como nos dixo Conchi o nome de Noia vén dunha lenda  onde se di que unha neta de Noé, Noela, veu vivir a este lugar onde creou a súa propia familia.
    Na Idade Media, e mentras Santiago medraba, Noia facía de peirao para os peregríns que acodían a visitar ao Apóstolo.
    Noia tiña un hospital para pergríns e unha igrexa extramuros, Santa María A Nova,  cun cemiterio no que soterraban os gremios dos artesáns. Actualmente a igrexa contén unha exposición permanente de lápidas dos sartegos e enterramentos gremimais.

sábado, 11 de junio de 2011

O CASTRO DE BAROÑA

    Este luns visitaremos o Castro de Baroña
    Este asentamento está construído nunha península e foi ocupado entre os séculos I antes de Cristo e I despois de Cristo.
    No istmo que une o pobaoado co castro hai un foxo de catro metros de ancho. Ademais está construído un muro doble de mamposteiría e recheo de pedra e area.
    Aquí podedes ver unha fotos deste castro. Un dos máis relevantes castros marítimos.

                 
        

sábado, 4 de junio de 2011

A POLINIZACIÓN

    Como todo bon "sapiens" sodes coñecedores da importancia da polinización. Para  que esto ocorra as plantas precisan de "distribuidores" de polen.
    Neste vídeo podemos observar os diversos "medios de transporte" que o polen utiliza para chegar ao seu obxectivo.

martes, 31 de mayo de 2011

OS SAPIENS CONQUISTARON A POESÍA

    O noso mestre de "Lengua Castellana", Luis, organizou un entretido concurso de poesía, "Versos que vienen y van".
    Despois de machacar os nosos miolos acadamos auténticos versos que van e veñen e a ninguén deixan indiferente. Aquí estamos todos ledos recibindo os premios do concurso.

Moitas grazas Luís!
O vindeiro ano,
MÁIS!


sábado, 28 de mayo de 2011

DE ONDE VIMOS?

Neste vídeo temos unha explicación da evolución dos primeiros "sapiens". A clave non é outra que a CREATIVIDADE, unha das funcións primordiais da intelixencia. Fálanos este documental dun grande cataclismo, tamén das mutacións.
Bon proveito intelectual!

viernes, 20 de mayo de 2011

CARACOIS

Os caracois son animais hermafroditas.
Poñen ovos e por tanto son ovíparos.
Neste vídeo da BBC podemos ver como se reproducen.
Moi interesante.

miércoles, 18 de mayo de 2011

miércoles, 11 de mayo de 2011

VISITANDO A CATEDRAL DE LEÓN

Nesta Semana Santa estaba paseando e observando a incríbel catedral de León, cando de súpeto: O noso estimado alumno Jaime cos seus pais e Adrián.


E aquí estamos tan felices neste Santo lugar.

viernes, 6 de mayo de 2011

TRABALLANDO CON ÁNGULOS

Estes días ocúpanos a Xeometría. Concretamente os ángulos. Na aula pensamos que nos podía ser útil elaborar un pequeno vídeo sobre a medición de ángulos e o trazado da bisectriz.
Despois de pensar, e pornos de acordo, mans a obra. Elaboramos un guión literario e ...
Aquí temos o resultado. Cremos que nos quedou bastante "agudo", cunha linguaxe "llana". Obviamente nada "obtuso".

martes, 3 de mayo de 2011

A ORIXE DA VIDA

Vimos estes días a importancia das plantas na vida actual dos seres vivos. Na súa forma de ser e de existir.
Cal foi a orixe da vida?
Como evolucionou?
Que importancia tén a fotosíntese para a vida neste planeta?
Neste vídeo podemos atopar algunha das respostas ás nosas comprensibles dúbidas.

viernes, 15 de abril de 2011

A FEA DURMINTE


Chegou o día da estrea.
Nenas e nenos atentos.
Subidón que nos marea.
Pero saímos contentos.


Agora estamos máis preto de actuar en famosos e fermosos teatros.

miércoles, 13 de abril de 2011

OS CÓMICOS

En poucos días convertirémonos en artistas dramáticos. Representaremos unha obra e todo!!!
Terémosvos informados.

                                 

Pode que algún día representemos neste fermoso teatro romano de Mérida.

Información presentada por Jaime.

domingo, 10 de abril de 2011

CURIOSIDADES DAS PLANTAS

Como estamos a ver estes días, as plantas son seres vivos que sintetizan os seus alimentos. Para entendérmonos: que son quen de convertir sales minerais, auga, dióxido de carbono e enerxía solar en algo nutritivo.
PERO,
 COIDADO!!!!!!!!!!!!!!
HAI  PLANTAS QUE TAMÉN COMEN CARNE!!!!!!!!!


miércoles, 6 de abril de 2011

O SER VIVO MÁIS GRANDE DO MUNDO

É un fungo. A "ARMILLARIA OSTOYAE", tamén chamado o "fungo do mel"
Descubriuse en Oregon (EEUU)  nas Blue Mountains, cando unha fraga estaba morrendo. Os científicos  descobriron no  interior  das árbores uns fíos brancos, chamados micelias que correspondían ao gran fungo.
É tan enorme que ocupa unha superficie equialente a 900 campos de fútbol e tén uns 2.400 anos de idade.
O fungo medra debaixo da terra, polo que só podemos ver algunhas setas de cor dourada que envía á superficie durante o outono. Trátase dun fungo comestible, aínda que pouco saboroso.

                                                    

Traballo realizado coa axuda do "sapiens sapiens" Jaime.

SALVANDO UN LIBRO


Dende a Biblioteca do cole estamos a participar nun proxecto  promovido pola asociación de escritores en lingua galega. Consiste en que cada aula escollerá un libro que quixera  “salvar”, como ocurre na novela de Ray Bradbury “ Farenheit 451”. Nesta  novela queren salvar os libros para transmitilos ás futuras xeracións.
A nosa escolla é “ A Cebra Camila”, que aínda parecendo un libro un chisco infantil, atopamos nel una morea de valores positivos e temas para reflexionar. Valores como a solidaridade ou o compañeirismo.

miércoles, 30 de marzo de 2011

VISITA DE TERESA GONZÁLEZ COSTA

O pasado luns 21 de marzo os alumnos  e alumnas de terceiro ciclo de primaria tivemos a sorte de participar nun Obradoiro Literario coa escritora Teresa González Costa.  É a autora de “ A filla do ladrón de bicicletas”, un libro que nos trouxeron os Reis Magos e que todos limos .
Teresa González Costa nace no Grove, pero actualmente vive en Vigo. Licenciada en Filoloxía Inglesa e Italiana.
Gañou a XXV edición do Premio Merlín de Literatura Infantil. "A filla do ladrón de bicicletas" foi ilustrada por Jacobo Fernández,  a quen coñecemos o curso pasado.
 Estivemos encantados, xa que nos aclarou as dúbidas que nos xurdiron despois de ler o libro, dúbidas como que pasou coas personaxes, como naceu a historia, onde se situaba o relato…etc
Foi moi entretido e moi interesante, ademáis a Xulio, o director, rompeulle a mesa da biblioteca e rimos moito, non se mancou e foi moi divertido.
Ao final asinounos os libros e algún dos traballos.
Esperamos repetir a experiencia. Grazas Teresa!!!!
Os alumnos e alumnas de 5º A de E.P.

viernes, 25 de marzo de 2011

ADAPTACIÓNS

Unha das principais características dos seres vivos é o proceso de adaptación ao medio onde viven. Unhas veces para atopar mellor o alimento. Outras para evitar ser comido.
Neste vídeo podemos ver dúas auténticas curiosidades.

jueves, 24 de marzo de 2011

SECUOIAS

A nosa pseudoacacia vai ben. Parece que tén forza dabondo para resistir o traslado. Como vistes na entrada anterior é unha árbore lonxeva.
Mais nestas imaxes vedes os seres vivos arbóreos máis grandes da actualidade. Son Secuoias Xigantes. Poden vivir catro mil anos e sobrepasar os cen metros de altura.


Nin baleas, nin grandes saurios.

SECUOIAS!!!!

martes, 22 de marzo de 2011

DÍA DA ÁRBORE E DA AUGA

Con motivo do DÍA DA ÁRBORE e da AUGA, que no centro celebramos conxuntamente, os alumnos e alumnas de quinto plantamos no patio do Colexio unha ROBINIA, tamén chamada PSEUDOACACIA.
Imos incrementar os nosos coñecementos sobre o mundo vexetal.
É unha árbore orixinaria de norteamérica. Foi traída a Europa no século XVII por un xardineiro de Enrique IV, chamado Jean Robin, de aí o seu nome: "Robínea"
É caducifolia, de folla caduca, e bastante lonxeva. Pode vivir ata 200 anos e acadar unha altura de entre 15 e 30 metros. O seu froito é unha legume seca. Florece na primavera e tén unha madeira tan duradeira coma a do carballo. Aquí temos as flores da nosa falsa acacia.

Robinia, Falsa acacia, Acacia blanca, Acacia bastarda.

E agora estamos a plantar a nosa árbore. Que por certo debemos coidar con esmero. Marcharemos un día do colexio, pero a nosa pseudoacacia permanecerá, e será o símbolo que lembrará aos alumnos e alumnas de quinto do curso escolar 2010/2011.


jueves, 17 de marzo de 2011

O ARCHAEOPTERYS

Este pequeno dinosaurio é o precursor das aves actuais. O seu nome  procede do grego  archaios=antigo, pteryx= pluma ou a".
Era do tamaño do actual corvo e non se sabe se era quen de voar debido ao movemento das as ou so planeaba.
Neste vídeo podedes obter máis información.

ÁNIMO JAIME!

O noso compañeiro Jaime sufriu un accidente deportivo. Todo o grupo de aula, quinto A, mandámoslle un abrazo e o desexo de que axiña esté con nós.
Ánimo Jaime!
Disfruta destas "vacacións", e recupera forzas. Un "sapiens-sapiens" vence as adversidades.

domingo, 13 de marzo de 2011

OU CAZAS OU CÁZANTE.

Os seres vivos animais dominan a Natureza. Pero, sempre un pero, non son quen de "fabricar" o seu alimento. Por sorte está feito. Pero, outro pero, hai que collelo.
E non se deixa!
A vida convértese nun xogo dramático.
Ou comes, ou cómente!

viernes, 11 de marzo de 2011

CAL É O ANIMAL MÁIS GRANDE QUE EXISTIU?

Agora que as sesións de Coñecemento do Medio trocaron de tema, dado que imos falar dos seres vivos, moitas preguntas xurdirán na nosa atenta e curiosa mente de "sapiens-sapiens". Unha delas podería ser a mesma que introduce esta entrada.
Seguramente todos respostariamos que o animal máis grande que existiu foi algún dos maxestuosos saurios xa desaparecidos. Os grandes dinosaurios, si, aqueles eran enormes e grandes de verdade. Cometeriamos un erro!
Tamén diriamos que se alimentaría con  animais de enorme tamaño. Outro erro, non damos unha a dereitas! Come animais  pequenos, aínda que sabrosos.
Por suposto que se é grande desprazarase  dun xeito moi vagaroso. Obviamente outro erro, como xa iredes imaxinando.
Sendo tan grande saberemos moitas cousas del. Por suposto "idem eadem idem"
Pincha sobre o noso planeta e todas as túas dúbidas quedarán resoltas.


viernes, 4 de marzo de 2011

E CHEGOU O DÍA

Despois de esforzados e intensos días de traballo chegou o día de mostrar todo o noso creativo talento  innovador. Obviamente digno de auténticos e xenuinos "sapiens-sapiens".

jueves, 3 de marzo de 2011

SEGUIMOS NO ANTROIDO

Disque nos modernos tempos que vivimos é normal o cambio de sexo.
Non sei se gañaremos algo, mais "riabar moito riabamos"

Foto feita por Carme, a nosa coidadora