sábado, 15 de diciembre de 2012

ALVEDRO 12/12/12


ALVEDRO
 



Era o día 12 do mes 12 do ano 12 do terceiro milenio. Estabamos nerviosos.Saímos das aulas os dous cursos de quinto. O autobús que non chegaba. A nosa ansiedade medraba. Por fin, e despois dunha espera que nos pareceu enorme, o autocar chegou. Subimos todos contentos.
No aeroporto recibíronos dúas persoas moi amables. Dividímonos en dous grupos, un cos alumnos de quinto A e outro cos alumnos de quinto B. Iniciamos a experiencia nun taller que tiña maquetas de avións. Albert chamábase o técnico que nos atendeu. Presentáronos un vídeo  no que nos informaban do concienciados que estaban no aeroporto co medio ambiente e as medidas precisas para coidalo.
Unha das medidas consiste en cambiar o modo de aterraxe dos avións. Actualmente están aterrando na forma que eles chaman “escalonada” coma quen baixa os chanzos dunha escaleira. O avión baixa, mantense horizontal un tempo, volve a baixar,mantense horizontal,… ata que aterra. Isto consume moito combustible e contamina. Agora están a experimentar coa aterraxe ecolóxica. O avión comeza a descender desde máis lonxe e planea consumindo menos combustible. Como tamén os motores traballan con menos potencia a contaminación atmosférica e acústica é menor.
Construímos con pezas unhas maquetas de avións  que conectadas a un ordenador e un programa informático eran uns modelos nos que podiamos coñecer o ruído que facían na aterraxe. Comprobamos que a aterraxe ecolóxica facía menos da metade de ruído que a aterraxe escalonada.
Realmente pasámolo moi ben. Pedíronos que pensaramos que podían facer para contaminar menos. Pensamos que se podían usar placas solares para producir electricidade, que tamén podían levar os avións, facendo un menor consumo de combustible.
Despois acompañounos unha rapaza moi simpática que nos amosou o aeroporto: a sa de facturación, o control de pasaxeiros e un paseo polo exterior.
Que ben o pasamos no “escáner”! A algún, e tamén algunha, pitoulles a porta de control de pasaxeiros. Vimos os diferentes contedores de obxectos que non se poden subir a un avión. Non se pode por medidas de seguridade segundo nos comentou a monitora.
Non puidemos ver o helicóptero de salvamento porque estaba de servizo.
Moitos pensamos que esta saída foi a mellor deste trimestre.

ALUMNOS E ALUMNAS DE QUINTO

1 comentario:

  1. Interesante visita ao aeroporto!

    Espero que o ano que vén poidades seguir organizando saídas coma esta cos vosos quintos.

    Felices festas a todos!

    ResponderEliminar